luns, 14 de novembro de 2016

Perfil da asociación en Facebook

Bo día a tod@s:

Achegamos a ligazón do perfil da asociación en Facebook. Deste feito poderedes estar informados de calquera actividade ou nova sobre o proxecto. Agardamos que este espazo poida ser empregado por vós para participar mediante o intercambio de ideas e opinións.



 Facer click na image para acceder ó facebook



sábado, 16 de xullo de 2016

Vídeo na mina Piquito - Moeche

Achegámosvos o último vídeo emitido por V Televisión sobre a zona do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Neste caso o audiovisual centrouse nas curiosas e impresionantes formacións do interior da antiga mina de cobre de Piquito, emprazada no concello de Moeche. Agardamos que poida ser do voso interese.

venres, 24 de xuño de 2016

Blog de rutas xeolóxicas en Galicia

Informámosvos da creación dun interesante blog sobre rutas xeolóxicas en Galicia.


O seu creador é Francisco Canosa, que pretende con elo publicitar as xeorutas que van ter lugar en Galicia, pero especialmente nos concellos que integran o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Neste intre está confirmada a realización en:


CEDEIRA

-Xeoruta dos cantís (tódolos venres do 1 de xullo ao 16 de setembro, agás 5 e 12 de agosto)
-Xeoruta das praias negras (tódolos sábados do 2 de xullo ao 17 de setembro, agás 6 e 13 de agosto)
-Xeoruta do cromo (tódolos domingos do 3 de xullo ao 18 de setembro, agás 7 e 14 de agosto)

Inscrición no teléfono 981 482 187 (Oficina de Turismo de Cedeira).
Prazas: 20 e só 15 (praias negras). A inscrición está limitada a 15 días vista.


MOECHE

-Xeoruta Mina Piquito (10 de xullo e 7 de agosto)
-Xeoruta do Toelo (31 de xullo e 13 de agosto)

Inscrición no teléfono 981 404 006 (Concello de Moeche).
Prazas: 20 e só 10 (na da mina)


Agardamos que en breve poidamos informarvos de máis rutas xeolóxicas noutros concellos do proxecto

venres, 3 de xuño de 2016

Única praia de area negra non volcánica do planeta

Nestas últimas semanas saíu á luz un vídeo de V Televisión sobre a praia de Teixidelo, considerada a única do planeta cunha area negra non volcánica. Esta singulariedade xeolóxica tivo unha gran repercusión nas redes sociais, de feito visualizaron o vídeo case medio millón de persoas!!!

Debido a que se atopa nunha zona de difícil acceso, as autoridades municipais e protección civil desaconsellan visitar a praia, posto que fai uns días unha persoa tivo que ser rescatada pola noite. Ante dita situación o concello de Cedeira vai poñer en marcha unha visita guiada tódolos sábados de xullo, agosto e setembro, co obxetivo de dar a coñecer de forma segura este lugar tan espectacular.




Xuntanza informativa en Moeche sobre unhas posibles verteduras

O pasado día 19 de maio tivo lugar no local social do Pereiro unha multitudinaría xuntanza, na que se informou das posibles verteduras que quere facer a empresa XILOGA na canteira de Penas Albas. O evento, organizado polo concello de Moeche contou ca presenza da alcaldesa, Beatriz Bascoy, e a portavoz nacional do bloque nacionalista galego, Ana Pontón. O principal obxetivo foi informar aos veciñ@s de Moeche da situación actual do proxecto, que conta co visto bó de Augas de Galicia. A pesares que inicialmente este organismo indicou ao concello que non existía ningún informe favorable para dita actuación. A empresa XILOGA pretende "restaurar" a canteira de Penas Albas, incluida no Inventario de Lugares de Interese Xeolóxico, cunhas verteduras de tecnosolos. Actuacións previas desta mesma empresa indican que ditos materiais ao ser tratados presuntamente de maneira incorrecta, mostran unha alta toxicidade en metais pesados e hidrocarburos. O cal supón un alto risco tanto para o medio ambiente como as persoas que viven a carón da antiga explotación mineira. O concello de Moeche está a recoller firmas en contra deste proxecto.


Fotos cedidas polo concello de Moeche




luns, 9 de maio de 2016

Cantís da Capelada en V Televisión

Hai un par de semanas emitiuse en V Televisión un programa sobre miradoiros de Galicia, e un dos escollidos foi o da Garita ou Vixía de Herbeira. Nesta reportaxe participaron Tas, integrante do Clube de Montaña Ferrol; Rafael Loureiro, naturalista e profesor xubilado de Cedeira e Francisco Canosa xeólogo e promotor do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Cada un deles fixo un repaso as singularidades e características desta costa do norte da provincia da Coruña.



martes, 26 de abril de 2016

Estudo oceanográfico do CSIC no Cabo Ortegal

Recentemente o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM) dependente do CSIC acaba de publicar un salientable estudo oceanográfico do litoral do cabo Ortegal, no que se pon de manifesto o extraordinario aporte de metais como níquel e cromo á ría de Ortigueira. O investigador principal do proxecto, Ricardo Prego, aclara que estes contidos tan anómalos en níquel e cromo non poden ser considerados como contaminación, senón que teñen unha orixe natural, procedentes neste caso das rochas ultramáficas que constituen os macizos de Herbeira e Limo. Achégase nota de prensa e a entrevista a Ricardo Prego na Radio Galega.


Facer click para leer a noticia



xoves, 31 de marzo de 2016

Xornadas sobre o patrimonio xeolóxico no concello de Ortigueira

A Fundación Ortegalia organiza para a fin de semana do 9 e 10 de abril unhas xornadas nas que se tratará o patrimonio xeolóxico do concello de Ortigueira, integrado no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Esta actividade ten por obxetivo ensinar a metodoloxía empregada para valorar e cuantificar un lugar, e con elo determiñar se ten ou non un salientable patrimonio xeolóxico. Dende a asociación agardamos que esta actividade poda unha vez máis despertar un gran interese.

Máis información:

fundacionortegalia.blogspot.com  ou no teléfono 981 402 413




martes, 29 de marzo de 2016

Atopados dous minerais despois de 170 anos

Hoxe, 29 de marzo, o xornal "La Voz de Galicia" faise eco dun singular achado na Serra da Capelada. A morenosita e a zaratita, dous minerais atopados en Teixidelo por primeira vez no mundo, volven a ver a luz 170 anos despois. O responsable de dito achado é Francisco Canosa, xeólogo e impulsor do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Unha vez máis ponse de manifesto o potencial xeolóxico desta rexión. Achegamos a ligazón desta nova.



Obradoiros de minerais en Cedeira

Os días 26 e 27 de marzo o concello de Cedeira organizou dous obradoiros de minerais, un dirixido a nenos de ata 16 anos (día 27) e outro para adultos (día 28). En ámbolos dous casos a convocatoria foi todo un éxito, posto que participaron un total de 40 persoas. Agardamos que xornadas divulgativas e formativas coma esta poidan repertirse ao longo de este ano.

    Aspecto xeral da exposición de mostras empregadas no obradoiro

    Os participantes aprenderon a diferenciar minerais do que non o son

    Detalle dunha parte da exposición de minerais

    Sección adicada á riqueza mineralóxica de Cedeira



    Francisco Canosa explicando aos asistentes

martes, 2 de febreiro de 2016

Un traballo sobre o toelo premiado en Santiago

O pasado día 27 de xaneiro, o museo de historia natural da Universidade de Santiago concedeu a David Gutiérrez Fernández un premio ao seu traballo titulado "Talco, óxido de ferro e serpentina" sobre o toelo das minas de Moeche. Este traballo realizouno a raíz da visita guiada que organizou o Concello de Moeche o pasado mes de decembro. Dende a asociación os nosos parabens a David. Unha vez máis ponse de manifesto o interese que desperta a xeoloxía entre os máis novos. 

Achegamos o traballo premiado.

                                                                                 Fonte: MHN. Universidade de Santiago     

mércores, 13 de xaneiro de 2016

Grabación da TVG na bisbarra do Ortegal

Onte día 12 de xaneiro, o programa "Vivir aquí" estivo facendo distintas grabacións no famoso banco de Loiba, alí fixeron unha entrevista ao responsable da súa instalación, Rafael Prieto. Posteriormente desprazáronse ata a Garita de Herbeira, lugar onde Francisco Canosa falou da importancia xeolóxica de toda esta zona, en que consiste o proxecto do xeoparque, así como da guía xeolóxica e xeorutas de Cedeira.

Todos estes contidos emitiránse no programa deste sábado día 16 ás 15:40 da tarde. 




xoves, 7 de xaneiro de 2016

Noticia na prensa sobre o estado actual do proxecto

Feliz aninovo a tod@s, achegamos a información publicada o día 7 no xornal "La Voz de Galicia" sobre o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. É unha entrevista ao promotor do proxecto, Francisco Canosa, que conta entre outras cousas cal é o estado actual do mesmo. Agardamos por tanto que isto sirva para que as administracións se impliquen máis, e con elo seguir avanzando na preparación da candidatura. Para leer a noticia facer click na imaxe.